Prof. Carlos Barros
Historiador da Universidade de Santiago de Compostela

Segundo Américo Castro, cristiáns, mouros e xudeus constituíron España na Idade Media, época histórica decisiva para a formación nacional da Galiza, ainda que non podamos falar neste caso tan claramente nunha converxencia de tres culturas, especialmente se considerarmos a practicamente nula presenza árabe na Galiza medieval.

Dáse o aparente paradoxo de que non houbo Mouros na Galiza histórica mais eles están ben presentes na mentalidade popular como mouros imaxinarios, os seres míticos que habitan nos castros; mentres que si houbo xudeus galegos e, no entanto, se recordan hoxe en día como algo alleo a nós, cando non como unha maneira de escarnecer e maldicer a este ou aquel. Con esta exposición queremos contribuir para a recuperación da nosa historia real, isto é, plural.

Xudiarías

As comunidades xudías na Galiza medieval foron pouco numerosas mais abonde significativas na vida social de concellos como Ourense, Ribadavia ou Allariz. Caso se conservase máis documentación municipal daquel tempo con certeza confirmaríamos noutras cidades (na Coruña, por exemplo) a influencia económica e política xudaica. Contodo, a consecuencia máis proeminente da presenza dos xudeus na Idade Media galega está nas mentalidades colectivas.

Conforme formos na Península para o Norte e Oeste diminúe o número de xudeus, se ben dispomos de máis dados sobre Galiza que sobre o resto da cornixa cantábrica. No tocante ao tamaño, as xudiarías galegas asemélllanse, portanto, máis á Europa do que á Espanha, e cando em 1391 se desatan as matanzas de xudeus na Andalucía, Castela e Aragón, Galiza seguirá fiel á tradicional tolerancia medieval entre cristiáns e xudeus até uns anos antes do édito de expulsión de 1492.

Precisamente nas listas de impostos reais de 1474 a 1491 aparecen comunidades xudaicas em Allariz, Baiona, Betanzos, Coruña, Monforte, Ourense, Pontedeume, Ribadavia e Ribadeu. Outras fontes medievais falan en xudeus en Tui, Lugo, PonteVedra… Aliás, está documentada presenza judaica no mundo rural nos cartularios dos mosteiros de Celanova (século XI) e de Sobrado.

Xudeus em Compostela

En 1492, do arcebispo de Santiago dependía a xudiaria de Cacabelos no Bierzo, había tamén xudeus na mesma Compostela medieval? O máis importante historiador dos xudeus na España cristiá, Yitzhak Baer, deixou escrito que “no lugar santo para toda a Cristandade onde se ía pregar no túmulo do apóstolo, só no século XV hai constancia da existencia de xudeus e en número escaso”. Sexa como for, o Caminho de Santiago, cosmopolita, estivo aberto aos xudeus que sen dúbida o percorreron: no Códice Calixtino o Papa León interrógase como pode haber alguén no mundo que “non desexe ampararse no patrocinio de Santiago” e pasa lista a todas as naións -mormente bárbaras- que está a vir a Compostela, significativamente comeza polos Francos e finda cos “xudeus e as demais xentes inumerábeis de todas as linguas”; confirma a existencia de xudeus peregrinos un hino do século XI en latín, grego e hebraico que o padre Fita publicou hai anos e máis unha lápide encontrada en León onde, en hebraico, se conta como un xudeu foi asasinado no Camiño de Santiago na época de Xelmíres. Chegando à catedral os peregrinos xudeus podían contemplar no Pórtico da Gloria, e na Porta de Pratarias, os seus patriarcas Moisés e Aarom; os seus profetas Isaías, Xeremías, Oseías, Xoel, Amos, Obadías; o Rei David; e outras imaxes que representan o pobo xudeu de forma ben diversa ao estereótipo antisemita que vía acima de todo no pobo de Israel o pobo deicida que crucificou o fillo do Deus. Outro signo máis da tolerancia mútua entre ambas as relixións do libro no reino medieval da Galiza.

Pasado o tempo, en pleno rigor inquisitorial, no século XVII, Santiago de Compostela será a única sé galega que teña un estatuto de limpeza de sangue que obrigaba todos os aspirantes a entraren no cabido da Catedral a demonstrar que non tiñan sangue de xudeu ou converso na sua liñaxe…

Pegadas

Das referencias aos xudeus galegos que tiramos nas fontes narrativas, cabe subliñar o que di o cronista Froissart, que acompañaba as tropas do Duque de Lencastre que toman Ribadávia en 1386: “Así foi a vila de Ribadavia gañada á forza, e houberan os que lá entraron, grande botín de ouro e prata en especial nas casas dos Xudeus”. A impresión que tivo o cronista francés da importancia da xudiaria de Ribadavia fixo con que exaxerase notoriamente o número de xudeus (1.500).

No tocante aos restos materiais, consérvanse tres lápides do cemiterio xudaico da Coruña, anteriores ao século XII, con inscricións hebraicas de tres defuntos chamados dona Xusta, dona Çeti e Abrahám. Ao contrario, nada sabemos do que se encontrou em 1500 ao se remover o cemiterio judaico de Allariz (túmulos de pedra en forma de cadeira, lápides en hebraico, restos de corpos em posición sedente con vestimenta ritual e xoias de ouro e prata). Do ponto de vista arqueolóxico está aínda todo por facer relativamente aos cemiterios e sinagogas xudaicas na Galiza.

Referencias documentais axudaron a localizar o predio da sinagoga (na rúa que vai da Praza Maior à igrexa da Madalena) do bairro xudeu de Ribadavia (entre o castelo e a muralla).

Noutros lugares da Galiza a memoria da existencia judaica está ben patente na toponimia. Mais onde se encontraron as lápides coruñesas, na cidade vella, temos unha rúa chamada “Sinagoga”; parecida proximidade cemiterio-casa do oración dáse en Allariz, onde é popularmente coñecida como “Sinagoga” a Rúa Aceñas. Unha aldea da paroquia de Caberta (Muxia) ten o nome de Sinagoga, e así mesmo fincas en Sobrado e Doncide (paroquia de Silva no município de Pol). Existen outros topónimos que probabelmente fan referencia a unha presenza histórica xudaica: a Rúa Batizados en Santiago, o lugar de Sión na paróquia de Ribeiras do Sor (município de Mañón), etc. O mesmo se poderia dicer da antroponimia: moitos dos nomes bíblicos (David, Salomón, Moisés, Abrahám, Xacob..), que na documentación medieval de Ourense e Lugo, por exemplo, pertencen a xudeus, seguen en uso hoxe, outros perdéronse como Xudá e Donouro.

Galiza tolerante

Un sartego coa estrela de David e outras inscricións significativas, encontrado no lugar de Vilar (paroquia de Servoi, municipio de Castrelo do Val), permítenos datar a existencia de xudeus na Galiza desde o século IV até o final do século XV. Estamos en condicións de afirmar que a tolerancia dominou durante un milenio as relacións entre cristiáns e xudeus. Xa o notaron outros autores que escreberon sobre os xudeus galegos como a nota máis orixinal da pasaxe do pobo escollido do Antigo Testamento pola Nossa Terra. Dicemos tolerancia porque coexiste con manifestacións de antixudaísmo (e por outro lado, de anticristianismo), que se manteñen a níveis suportábeis. Este dominio da hostilidade por parte do convivio tornouse patente no século XV: encanto se reproducían ciclicamente pogroms no resto da península no Reino da Galiza non apenas continuaron as relacións pacíficas, mais nalgúns locais incrementáronse. Na Galiza non hai nen matanzas populares de xudeus nen conversións forzadas ao cristianismo (até o grande éxodo de 1492).

Existe un documento exemplar asinado a 20 de maio de 1289 polo Concello de Allariz e os seus párocos, ante o representante real na vila, con Isaac Ismael, “Xudeu Maor dos xudeus moradores en esta vila”, para regular o convivio pacifico de cristiáns e xudeus. Moito despois, cando se agudizan as tensións sociais a tolerancia chega a se transmutar en fraternización. No Ourense do ano 1457 na festa de casamento dun fidalgo, os cristiáns convidan os xudeus, contradicendo a lexislación vigorante, e conseguen, aliás, a reconciliación de dúas famílias xudías enfrentadas; dez anos despois, en 1467, a direción local dos Irmandiños bota un pregón para que “leigos e clérigos, judíos e mouros, fosen derribar o castelo Ramiro”. Xa na década de oitenta, o Concello de Ourense resístese a aplicar o decreto que obrigaba a afastar os xudeus na Rúa Nova (algún deles refúxiase en 1488 en Allariz para safar esa marxinación). Así por diante até 1492.

Os Reis Católicos decretan a 31 de marzo de 1492 a expulsión nos reinos de Castela e Aragón de todos os xudeus que non se quixeren batizar. Temos para nós que os máis dos xudeus galegos se converteron ao cristianismo, e seguiron a practicar clandestinamente a súa relixión coa conivencia dos seus viciños cristiáns. Outros exiláronse para non renegaren publicamente da fé dos seus antepasados. Así sendo, o ourive da Coruña Isaac foi denunciado en 1493 por se embarcar para o exilo con ouro, prata e máis tesouros, o que estaba proibido; non foi o único caso, os representantes reais na Coruña, ben como mercadores e capitáns de barcos do seu porto, resultaron ser cúmplices da fuxida clandestina de xudeus galegos e doutros lugares. Na liña dunha tradición de convivio que chocaba na Galiza coa tradición de perseguición que tentaba impor o coñecido decreto estatal e o estabelecemento da Inquisición. Faltaba na Galiza unha vaga de antisemitismo popular que servise ao Santo Ofício e ao novo Estado para apoiar e xustificar o seu labor depuratorio.

A Inquisición na Galiza

No Reino da Galiza podemos considerar instalada a Santa Inquisición na altura de 1574 (o Tribunal de Santiago foi o último en se estabelecer), case un século despois da súa fundación en Castela. Un reflexo serodio pois do desfase medieval entre unha Galicia tolerante e unha Castela medieval cunha tendencia máis marcada ao antixudaísmo. A resistencia galega ao Santo Oficio é global, duradoura e nun principio bastante efectiva. Para alén dunha constante e difusa resistencia popular, a Inquisición que viña de Castela ten múltiplos confrontos cos concelhos, os oficiais reais e a propria Igrexa galega. De facto, o Tribunal non encara decididamente na Galiza o problema dos xudaizantes até que os imigrantes portugueses obrigan a tomar, no século XVII, cartas no asunto. Isto é, que despois da conversión forzosa de 1492 decorre case un século antes de que sexan reprimidas as prácticas relixiosas e os costumes dos nosos xudeu-conversos.

O Proceso inquisitorial de Ribadavia (1606-09) encetou coa denuncia feita por Jerónimo Bautista de Mena contra 200 viciños (incluída a súa família) por xudaizaren e acabou coa condenación de 42 deles. Por encanto, o tal Jerónimo, que chegara a estudar a lei de Moisés nas sinagogas de Veneza, Pisa e Tesalónica, portanto, un grande malsín (traidor) para os seus, apareceu morto na vila. As prácticas denunciadas foron: traballar e vestir roupa limpa no sábado (o día santo xudaico), acender o candelabro e cambiar a muda da cama a véspera, non comer carne de porco, sangrar a carne, xexuar en setembro, etc. O grupo máis numeroso dos xudeu-conversos condenados na vila do Avia eran xovens de 20 a 30 anos; os 77% dos culpados eran de Ribadavia e doutros locais da Galiza, e 23% portugueses; no total, entre 1492 e 1606 a relixión xudaica practicouse e transmitiuse de pais para fillos, manténdose para tal fin unha boa relación coas sinagogas da Italia, Grecia e Franza (Baiona). Escusado será dicer que a maioria dos xudaizantes de Ribadávia detiñam certa posición social: mercadores, rexedores, funcionarios, médicos, boticarios, advogados, estudantes…

En 1680, no Auto General de Fé celebrado en Madrid participan 21 xudaizantes viciños da Galiza, aquí son maioría os procedentes de Portugal (como Juan Bautista Pereira, 37 anos, tratante, natural de Monforte de Lemos mais orixinario de Portugal).

Existen tamén casos de cristiáns vellos convertidos ao xudaísmo, Caro Baroja noticiou o caso dun clérigo da catedral de Ourense, Jacinto Vázquez Araújo, que en 1687 declarou a súa crenza na lei de Moisés, sendo acto continuo denunciado, foxe a pé rumo para Madrid, mais fica preso pola Inquisición perante a cal declara voluntariamente por escrito, o que non o librou máis tarde da tortura porque non se quería emendar. Confesou valorosamente Jacinto que “aunque toda su familia han sido Christianos viejos, este confte. quiere ser Judío nuevo”. Non tiña moitos coñecementos da relixión xudaica, salvo o que aprendera nun panfleto antisemita que lera, mais reinvindicaba que “en defensa desta Ley de Moyses se han sacrificado muchos hombres que a quemado el Santo Oficio de la Inquisición y mujeres que con ser del sexo fragil y pusilamines se han arrojado a las llamas”. O noso xudeu novo cumpría á súa maneira coos ritos xudaicos -mesmo no cárcere inquisitorial- e pedía a Deus nas súas preces liberdade e piedade para o pobo de Israel “repartido por varias partes del mundo, y perseguido de los cristianos y otras naciones”, dedicando os seus xexuns aos mártires da Inquisición. Depois de torturado, teimoso, berraba que quería morrer na lei de Moisés. Como tornaba sempre á súa fé no judaísmo, coidaban que endoidecera e mandaron vir os médicos que, porén, acreditaron que estaba no seu san xuízo. Nos finais de 1688 foi condenado a cadea perpetua e a levar o sambenito, degradado verbalmente, perdeu os seus bens e o seu hábito. Un personaxe extraordinario digno da nosa memoria colectiva.

Tradicións

A imaxe negativa dos xudeus na Galiza é un fenómeno moderno, vinculado á perseguizón levada a cabo pola Inquisición nos séculos XVII e XVIII; é entón cando comezam a correr historias imaxinarias de rituais anticristiáns: sacrifício dunha crianza cristiá (Lugo), imaxes de Cristo azoitadas (Monforte, Ribadavia), profanación de hostias consagradas (Ourense). Falsas acusacións que alastraron a má fama do xudeu, que pasou a ser considerada palabra inxuriosa e malsoante. Embora tamén a Inquisición tivo moita má fama en determinados medios populares e cultos do Antigo Rexime.

Unha tradición alternativa deu lugar, a partir do século XIX, a celebracións reivindicativas do pasado xudeu e xudeu-converso da Galiza. A máis coñecida é a Festa da Historia de Ribadavia, que tiña lugar en setembro, cando a Virgem do Portal, e consistía na representación por parte dos viciños dum episodio da historia do pobo de Israel, como a batalla contra os Filisteus, onde morre o rei Saul, berrando entón a todos os presentes o diretor da representación: “Chorai, fillos de Xerusalén, a morte do voso rei Saul”; segundo conta Meruéndano. A Festa da Historia foi recuperada recentemente. En 1992 foi representado o proceso inquisitorial de 1606-1609 e a morte do malsín Jerómino Bautista de Mena. En 1993 representouse un casamento xudaico.

Orixinal: Galicia xudía, Santiago, Concelho de Santiago de Compostela, 1994, 29 pp. (Folheto da exposición no Pazo de Bendaña, abril/maio de 1994).
Advertisements