Cidade do Berzo ocidental situada no entroncamento dos ríos Sil e Boeza, con cerca de 68.500 habitantes.

Inserida nunha vacía mineira, a fundación de Ponferrada no século XI coincide coa construción dunha ponte de ferro (Pontem Ferratam que lle daría o nome) para atravesar o rio Sil na rota francesa do Camiño de Santiago.

A presenza xudaica en Ponferrada prodúcese, como no resto da comarca, ao abrigo de dous fenómenos. Por un lado, a partir do séc. IX, a teor do proceso de repoboamento do territorio operado pola monarquía galaico-leonesa con grupos de Xudeus. Por outro lado, a partir do século XI, por efeito da atracción exercida pola actividade comercial que envolvía a rota francesa do Camiño de Santiago.

Así sendo, Ponferrada tornouse a partir do século XII na máis importante comunidade xudaica da zona como centro administrativo e fiscal das xudiarías. De facto, a efeitos tributarios, cada vez que nos documentos aparece a expresión “a alfama” ou “os Xudeus de Ponferrada”, na realidade din respeito a todas as populacións hebraicas do Berzo.

Ponferrada está dominada por un castelo do século XIII construído polos Templarios para a defesa do Camiño de Santiago. Ao desaparecer a orde no século XIV a poboación pasou para o controlo do Condado de Lemos até que en 1486 os reis católicos a conquistaron militarmente na secuencia dunha disputa que mantiñan con esta liñaxe galega oposta á hexemonía castellana na Galiza. Logo a seguir Ponferrada, xuntamente co resto do Berzo galego, foi entregue ao Condado de Benavente.

Mapa do Reino da Galiza de 1619 onde Ponferrada era a entrada do reino
Mapa do Reino da Galiza de 1619 onde Ponferrada era a entrada do reino

A consolidación no poder dos reis católicos supón tamén a perseguición relixiosa. Embora nun principio a populación xudaica non moraba en bairros separados dos cristiáns, en 1488 os reis católicos comisionan o corrixidor Juan de Torres para que, cumprindo coas disposicións xerais relativas aos Xudeus, concentrase a populación xudaica en bairros segregados da populación cristiá. Destarte, catro antes do édito de expulsión, os Xudeus de Ponferrada foron recluídos nun bairro proprio que aínda conserva o nome de Bairro dos Xudeus.

A Xudiaría de Ponferrada achábase localizada en dúas zonas diferenciadas. Por un lado, o Monte Xudeu, na zona centro da cidade, ao pé do castelo, entre o parque do Plantío e o río, á direita da antiga estrada da Coruña. Por outro lado, o Campo Xudeu, máis a norte, na zona da actual Avenida da América, ficando o bairro nos dous lados dese eixo viario.

Planta de Ponferrada con localización das zonas de ámbito xudaico
Planta de Ponferrada con localización das zonas de ámbito xudaico

Na zona coñecida como Monte dos Xudeus (Bóveda), moito perto da antiga ponte de Cubelos, achávase a Sinagoga, cuxos restos se conservaron até o ano 1982. Antes de o predio ser removido por un predio de uso habitacional, a sinagoga fora utilizada durante moitos anos como armacén. O Monte dos Xudeus, próximo do mercado vello e no entroncamento dos ríos Sil e Boeza, tamén albergou um cemiterio xudaico.

Na actualidade a Escola “Campo dos Xudeus” localízase no local que recebía ese nome na antiga Xudiaria de Ponferrada.

Apesar da políticas asimilacionistas e pan-castellanas implementadas polos sucesores dos reis católicos, Ponferrada é hoxe un municipio parcialmente lusófono, xa que a parroquia de S. Pedro de Devesas aínda conserva a lingua galega. Parroquias como Fontes Novas deixaron de ser galego-lusófonas na década de 1960.

Advertisements