Este ano comemórase o setenta aniversario da liberación polos soviéticos do campo de exterminio de Auschwitz. Neste artigo aproximámonos da figura de José Fernando Fernández Vazquez, o Comandante Sotomayor, un galego que estivo nese campo da morte deseñado polo nazismo.

O Comandante Sotomayor co uniforme militar usado para o secuestro do Santa María
O Comandante Sotomayor co uniforme militar usado para o secuestro do Santa María

Como é que chegou a Auschwitz?
Militar republicano, ao final da guerra civil española acabou internado no campo de refuxiados de Saint Ciprien na Franza. Iniciada a Segunda Guerra mundial, cunha Franza ocupada, participa na resistencia francesa contra os nazistas. Detido pola GESTAPO, foi enviado como prisioneiro para o campo de concentración de Auschwitz. No momento da súa libertación mal pesaba 37 quilogramos.

Inicios
José Fernández Vázquez naceu na P. do Caramiñal en 1904. Sendo moi novo aderiu voluntario á Mariña.

Engaxamento político

Sendo alferes de navío, á idade de 24 anos é confinado para África pola súa militancia republicana durante a ditadura militar de Primo de Rivera (1923-30).

En 1930 abandona o exército despois do seu envolvemento na Sublevación republicana de Jaca. A escolla que enfrentara era entre deixar o exército ou ser submetido a un consello de guerra.

En 1933 ingresa no Partido Comunista de España (PCE).

Guerra civil
No inicio da guerra civil española foi elevado para tenente de navio, sendo destinado en Vilagarcía de Arousa coa misión de defender esa ría galega. Porén, a rápida vitoria das forzas fascistas na Galiza fai con que se teña de refuxiar na serra do Barbanza.

Lá ficou cun grupo de milicianos armados até agosto de 1937, altura en que foxe para Portugal, onde colaborou, no Porto, no afundamento dun buque da Kriegsmarine carregado con armamento para o bando franquista.

Toma rumo para Bordeus, desde onde consegue pasar de novo para a zona republicana. En Barcelona reincorpórase na mariña republicana e participa no afundamento do cruceiro Baleares ao serviço dos fascistas.

Após a Segunda Guerra mundial

Logo a seguir da súa libertación do campo de Auschwitz instálase na Franza, onde traballa na factoria automobilística Renault. Lá intégrase en agrupacións e entidades republicanas do exilo. En 1948 abandona a súa militancia no PCE como medida de protesto polo abandono da resistencia armada polos comunistas españois.

Posteriormente emigra para Venezuela, onde é acollido e traballa como electricista na construción. Entra en contacto con Xosé Velo Mosquera, militante galeguista refuxiado e que fundara a Unión de Combatentes Españois Antigranquistas Nacionalistas Galegos. Con elementos do antisalazarismo (Henrique Galvão) fundaron o Direción Revolucionária Ibérico de Libertação (DRIL).

O Santa María

Entre o 22 de xaneiro e 2 de febreiro de 1961 participou, xuntamente con Xosé Velo e Humberto Delgado, no comando formado por 24 persoas que secuestrou o Santa Maria, un navío transatlántico propriedade do Estado portugués. A acción, que chamou amplamente as atencións internacionais, albexaba o derrocamento das ditaduras franquista española e do Estado Novo portugués. Non conseguiron os seus obxectivos, mais obrigaron a intervir á ONU e aos EUA que, após unhas duras negociacións, conseguiron que o secuestro acabase sen vitimar persoas e os seus asaltantes en total liberdade.

Posteriormente, pasou uns anos en Cuba, onde lecionou como profesor universitario.

Foi membro permanente da Organización Latino-Americana de Solidariedade.

Últimos anos
Aos 74 anos regresa ao Estado español para apresentar o seu libro de memorias.

Finou en Caracas en 1986.

Advertisements