(A) Graña é unha parroquia galega pertencente ao municipio do Covelo situada na encosta da Serra do Suído no val alto do río Tea. Con aproximadamente 330 habitantes, a súa poboación áchase distribuída entre os lugares de Eido Gonzalo, Fonte do Canón, Munxidoiro, Muiños, Porteliña de Campo, Rebordechao e Salcedo.

graña1

Os habitantes da Graña (grañudos), apresentan riscos antropolóxicos que claramente os diferencia do resto da poboación circundante e que se identifican con outros casos de comunidades de criptoxudeus ou cristiáns-novos.

Esta comunidade isolada xeograficamente considérase a si mesma descendente de Xudeus conversos e representa un dos grupos diferenciados máis importantes da península, pois conservaron moitos dos seus costumes até os nosos días. Entre as súas singularidades destácase a consciencia de “raza diferente”, percepción recíproca dos habitantes das poboacións viciñas e das persoas que coñecen os seus modos de vida.

Segundo a tradición, cando os chamados reis católicos decretaron a expulsión dos Xudeus dos reinos de España, algúns dos que vivían na Galiza, mormente na área de Ribadávia, viñeron a se refuxiar aos pés da Serra do Suído. Destarte, en lugares afastados, poderían seguir a practicar a súas crenzas en secreto e safar da perseguizón implacábel da Inquisición.

Tanto a semellanza das construcións que aínda se conservan na Graña coas existentes na Xudiaría de Ribadávia canto as históricas ligazóns comerciais dos grañudos coa capital do Ribeiro parecen confirmar esta hipótese.

Relativamente a confirmación da idea de seren descendentes de Xudeus/conversos, transmitida polos grañudos de xeración en xeración, resulta fulcral o achado dun documento no Arquivo Diocesano de Tui, datado de 1752 e realizado polo pesquisador Maximino Fernández Sendín, en que se di “é tradición que os habitantes da Graña proceden dos Xudeus expulsos por dona Isabel e por don Fernando”. Aliás, a presenza xudaica na zona está confirmada pola existencia nun monte da parroquia de Campo do topónimo Chan de Xudeus.

Apesar do seu afastamento, a “vixilancia” da igrexa católica foise desdobrando progresivamente na Graña coa abertura dunha capela (desde 1741), unha casa de freiras no Munxidouro ou mesmo un penal da Inquisición. Sexa como for, en consecuencia da represión exercida pola Inquisición para punir os cristiáns-novos impediu, a diferenza do caso da comunidade xudaica de Belmonte, a conservación da fe mosaica nos grañudos, facendo con que, en certa altura, se perdese o coñecemento da súa orixe xudaica.

Porén, os grañudos manteñen costumes ligados con prácticas das comunidades de cristiáns-novos, entre os cais:

Endogamia
Na Graña practicaron a endogamia de grupo até meados do século XX, casando apenas entre eles e non sendo permitido casamentos fora da Graña. Isto é, os granhudos non casaban con “cristiáns-velhos” e, caso o fixesen, eran excluídos da comunidade.

Na actualidade seguen a formar unha “tribo” e os seus membros regresan sempre a aldea para se reuniren, asistindo xuntos a todo tipo de acontecementos como un só grupo.

Comercio itinerante
A actividade tradicional desenvolvida polos membros desta comunidade non é a de agricultores-gandeiros desenvolvida maioritariamente polas xentes da zona, mais a do comercio, quer como arrieiros, quer como contrabandistas de sal, quer como mercadores de panos, tecidos, fios, café,…. ou mesmo como prestamistas.

Durante séculos os habitantes da Graña, coñecida por iso como “Graña do Sal”, dedicáronse ao contrabando do sal, un produto que era moito caro, escaso e imprescindíbel para a conservación dos alimentos, curtumes e usos industriais. Aliás, entre os séculos XVI-XIX o mercado deste produto era monopolio real, estando taxado con grandes impostos. Portanto o sal era traido das salinas de Portugal polos grañudos en sacos até os mercados finais.

A venda de tecidos realizábase entre os meses de setembro e abril de cada ano, ausentándose tanto homes como mulleres da Graña, ficando criadas ao cargo das casa e crianzas.

A actividade de arrieiros consistía principalmente no transporte e a venda do viño que compraban no Ribeiro, ligando Ribadavia cos principais portos e rotas do mercado da época.

O comercio itinerante permitía safar o control ao que estaban submetidos, non asistindo os domingos á misa ou non traballando nos sábados, pois ao estaren “de viaxe” durante varios meses do ano podían facelo e mesmo xuntarse cos seus irmáns de relixion para practicar os seus ritos, mormente nas Xudiarías do Minho. Alén diso, esta ocupación permitíalles, en casos de ameaza de visita da Inquisición, fuxir sen provocar suspeitas.

Para o desenvolvemento desta actividade comercial contribuiu grandemente o feito de a Graña se encontrar nun local estratéxico, ao ser atravesada por diferentes rotas e antigos camiños que permitían unha ligazón fácil con Portugal, Santiago de Compostela e con todos os centros de comercio importantes.

Outra das peculiaridades desta comunidades é que os conflitos entre os membros foron sempre arranxados no seo interno sen recorrer á xustiza.

A muller sempre tivo un grande protagonismo dentro da estrutura social do grupo, realizando as actividades comerciais en igualdade de condicións que o home.

A arquitectura do barrio vello da Graña aínda conserva a súa construción tradicional, caracterizada pola existencia de arruamentos compactos com habitacións pequenas que posúen sacadas deitadas sobre as ruelas. Estas características son semellantes ás existentes na Xudiaría de Ribadávia e diferenciadas das existentes nas aldeas da comarca.

graña2

Sinagoga?

En Salcedo, un dos lugares máis antigos da Graña, existe un predio datado no ano 1669 que ten xeminada unha construción que, polo seu feitío e características, parece ter sido destinada como Sinagoga. Contrasta a simpleza da súa construción exterior coa beleza e perfeición do seu acabamento interior.

sinagoga_graña1

sinagoga_graña2

Destacar deste “alpendre”, o que parece ter sido o seu uso habitual, que sexa acesíbel através de dúas portas e que, ocupando a parte fronteira, exista un arco de meio ponto de grandes dimensións.

sinagoga_graña3

Todavia, a inexistencia de estudos histórico-arqueolóxicos especializados impede tirar calquer outro tipo de conclusión, mais esa é a idea que paira entre os grañudos.

Outra das peculiaridades construtivas que se encontran na Graña é que os hórreos existentes nesta parroquia están desprovidos de cruces nos seus acabamentos superiores e nos dous únicos casos en que existen, trátase de acréscimos posteriores.

Os hórreos da Graña están desprovidos de cruces.
Os hórreos da Graña están desprovidos de cruces.

Actualmente os habitantes da Graña, após unha vida de mercadores ambulantes, adaptáronse ás novas formas comerciais ao abrigo das grandes concentracións urbanas, fixándose como mercadores en Vigo, Pontevedra e outras vilas e cidades galegas, ben como do exterior (mormente na Venezuela).

Bibliografia utilizada como referência deste post:

Advertisements