San Clodio, parroquia do concello de Leiro na comarca do Ribeiro, dá nome a un mosteiro medieval fundado no século IX: o Mosteiro de San Clodio.

En meados do século XII, sob o reinado de Afonso VI, o abade do mosteiro Peláxio mandou que se repoboase a zona e arasen as terras e nelas se plantasem as vides, ficando recollidas estas actividades no testamento del de 1158.

Doravante, o viño do Ribeiro tornouse nun dos máis cobizados e valorizados, sendo na altura dos séculos XII-XIII un dos máis caros, chegando mercadores da Inglaterra a compralo para despois ser vendido no norte da Europa. Nesa altura, a comarca do Ribeiro tornouse a máis rica da Galiza, daí a existencia dos grandes pazos que aínda se conservan.

A presenza xudaica no Ribeiro está ligada tanto á comercialización deste produto, canto ao seu transporte e distribuición. Nesa altura a maioría do camponesado traballaba para a igrexa e os encargados de transportar o viño para outras zonas eran os arrieiros, profisión desenvolvida maioritariamente por Xudeus, que carretaban ese produto a Santiago de Compostela ou ao porto de Pontevedra, onde era embarcado. Unha outra hipótese da presenza xudaica na zona está ligada aos servizos administrativos prestados polos xudeus/cristiáns novos a algún dos moitos señoríos e facendeiros do viño existentes en toda a rexión do Ribeiro.

Alén disto, é posíbel que a presenza de Xudeus ou cristiáns-novos no Val do Ávia-Arenteiro a partir dos séculos XV-XVI sexa debida ao feito destes vales teren sido utilizados, ao igual que a Serra do Suído, como terra de abrigo dos Xudeus vindos da Xudiaria de Ribadavia logo a seguir do édito de expulsión de 1492.

A presenza xudia nesta zona é palpábel en Pazos de Arenteiro, Salón (lugar da parroquia de Albarellos, municipio de Boborás) e Quintela (lugar da parroquia de Cabanelas, no municipio do Carballiño).

Advertisements