Cando se falar da Inquisición en Santiago, normalmente reférese ao antigo edificio da Praza da Galiza onde tivo a súa sede, un solar que hoxe en día ocupa o Hotel Compostela, facendo esquina á Rúa do Hórreo.

sambenitos_tui

Contodo, non foi a súa única sede na capital galega, como revelou o estudo realizado pola investigadora da Universidade de Santiago Paula Pita Galán, que no ano 2012 se publicou nos Cadernos de Estudos Galegos.

No pormenorizado traballo refléctese a historia do Santo Oficio en Compostela, desde o seu primeiro asentamento na cidade.

Un asentamento serodio, pois se sempre se fixa o ano 1478, data da bula do papa Sixto IV como a altura en que os Reis Católicos deron pé á súa creación, en Santiago non foi até case un século despois, en 1574 cando se sedia na cidade.

Logo de varias tentativas infrutuosas, entre outras razóns pola oposición local, foi a tentativa de se protexer da chegada de libros luteráns através dos portos galegos que impulsou a súa posta en marcha.

A primeira sede, asinala Paula Pita, no seu traballo “As novas casas da Inquisición en Santiago de Compostela: do Pazo de Monterrei á sede de Porta dá Mámoa”, estaba situada no denominado palacio dos condes de Monterrei, que estaba “situado no fronte norte da pequena praza de San Miguel, e lindando coa vedación oriental da horta do mosteiro benedictino de San Martín Pinario”.

Esta localización e as obras que pretendían levar a cabo para condicionar o imóbel, deron lugar a constantes polémicas coa institución monástica, que mesmo, explica, chegou a apresentar queixa, conseguindo paralizar os traballos.

O litixio solucionouse co traslado do Santo Oficio para a zona do Hórreo, chamada nos seus tempos, sinala Paula Pita, “casa grande de Calo”. Unhamudanza que, lembra, non se fixo sen polémica, xa que os antigos proprietarios do terreno, os herdeiros de Ignacio de la Vega e Calo, apresentaron queixa polo valor dos terreos.

Fonte: Asociación para a Defesa do Patrimonio Cultural Galego

Advertisements